Un colleiteiro de Cenlle experimenta co viño branco en barrica
Emprega acios seleccionados de treixadura
Esta fin de semana participará na feira do viño de Cenlle
A crianza en barrica é un proceso normalmente reservado para os tintos e tostados, pero esta alberga treixadura.
Cristian Rodríguez Vázquez, adega Viña Carpazal: "É unha barrica de carballo francés. Nós temos unha hectárea de treixadura e imos meu pai e mais eu seleccionar os mellores acios. O máis común é meter tintos en barrica, pero ao ser unha adega pequena queremos estar sempre innovando".
É unha aposta coa que esta adega de Cenlle sorprendeu na última edición da feira do viño do Ribeiro, onde tamén conquistou o público co seu tinto de selección, primeiro premio de colleiteiros na cata popular.
José Antonio Rodríguez Fernández "Rodri", adega Viña Carpazal: "Sénteste o máis feliz do mundo ao ver que o que ti fas lle gusta a moita xente".
É unha das adegas que esta fin de semana participan na festa do viño de Cenlle. Media ducia de colleiteiros abren as portas das súas adegas para que veciños e visitantes poidan degustar os seus caldos.
Os colleiteiros, que teñen que elaborar os viños coa súa propia uva e menos de 60 mil litros ao ano, son unha figura representativa da viticultura do Ribeiro.
"Comprar botellas, etiquetas e rollas por separado sae caro. Non podemos competir en prezo e temos que saír adiante con calidade", explica Rodri.
Teñen unha produción de 6.000 botellas ao ano e din que non foi fácil abrir mercado, pero os recoñecementos anímanos a seguir traballando.