Falece un condutor de 86 anos nun accidente entre dos vehículos en Mazaricos
Os servizos de emerxencias tiveron que liberar o falecido, que conducía un turismo sen levar o cinto de seguridade
Segundo informa o 112 Galicia, unha persoa faleceu ás 11:20 horas deste luns tras un accidente entre dous vehículos que se rexistrou en Mazaricos.
O sinistro tivo lugar a AC-441, na parroquia de San Cosme de Antes.
Segundo fontes da Garda Civil, unha furgoneta e un turismo colidiron frontolateralmente. En cadanseu vehículo viaxaba un único ocupante.
O condutor da furgoneta resultou ileso, pero morreu o do turismo, un veciño de Antes de 86 anos que non levaba posto o cinto de seguridade.
🔴#AXEGAInforma dunha persoa falecida tras un accidente entre dous coches en Mazaricos.
— 112 Galicia (@112Galicia) November 25, 2024
📍 AC-441, quilómetro aproximado 3, Antes.
▶️ Foi necesario excarcerar ao falecido.
🚨Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Bombeiros de Xallas, GES de Noia, @guardiacivil e Protección Civil. pic.twitter.com/GrUcswyxqk
Os Bombeiros de Xallas tiveron que liberar o falecido. Pola súa banda, o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 mobilizou ata o lugar do sinistro o helicóptero medicalizado con base en Santiago e a unha ambulancia de soporte vital básico cun equipo de Atención Primaria.
Xa no punto, os servizos sanitarios só puideron confirmar o falecemento do home de 86 anos. Ademais, outro home, de 71 anos de idade, foi atendido e dado de alta sen necesidade de ser trasladado.
Ata o lugar tamén se desprazaron efectivos do GES de Noia e de Protección Civil.