Unha vaga de roubos xera intranquilidade en Riotorto
Nunha mesma noite asaltaron tres negocios
Tentaron sen éxito entrar nunha oficina de seguros
Unha vaga de roubos trouxo a intranquilidade ao concello de Riotorto. Nunha mesma noite, os ladróns entraron en tres puntos diferentes da vila e tentárono sen éxito nesta oficina de seguros da vila. Na mesma rúa, case en fronte, roubaron nesta librería. A dona do negocio, que vive xusto enriba, non se decatou de nada ata a mañá seguinte cando viu todo revolto.
"Cando abrín vin todo desordenado e pensei que deixara o gato dentro, pero despois xa me dei de conta de que fora un roubo e púxenme moi nerviosa", relata a dona da libraría, Mercedes Rico.
Os ladróns levaron máis de mil euros en efectivo e diverso material, dende bixutería e roupa ata navallas ou xoguetes, pero máis aló doa perdas a dona do establecemento lamenta a sensación de inseguridade e o medo que queda tras o roubo.
Na mesma noite os ladróns achegáronse tamén ata o campo de fútbol da vila. Forzaron numerosas portas, deixando importantes danos, e levaron algo de diñeiro e ferramentas tras parar a tomar algo da cantina e tirar as botellas polo campo.
"Levaron gasóleo que había para o mantemento do campo e da cantina levaron uns trinta euros en moedas e refrescos", sinala a presidente do club de fútbol de Riotorto, Juan Veiga.
Outro dos negocios asaltados en Riotorto foi esta ferraxería, da que levaron diverso material informático. Agora a Garda Civil xa está a investigar os feitos e a revisar a imaxes das cámaras de seguridade instaladas nalgúns puntos da vila.