Un home morre ao colidir unha lancha contra unha batea na Illa de Arousa
Outras dúas persoas que viaxaban na embarcación quedaron feridas graves
Un home morreu despois de que a pequena embarcación de recreo na que navegaba na ría de Arousa chocara contra unha batea dun polígono. O falecido ía nun dos asentos de proa. Era de Madrid e tiña 51 anos.
Pasaba pouco das dúas da tarde, a procesión do Carme da Illa xa estaba acabada e a virxe en terra, cando a lancha colisionou cunha batea fronte á Punta Cabalo. Na planadora viaxaban cinco persoas.
Ademais do falecido, un matrimonio está ingresado no hospital Álvaro Cunqueiro. Foron trasladados en dous helicópteros. Teñen feridas graves e o prognóstico é reservado. O outro matrimonio, os propietarios da embarcación, non quedaron feridos. Son de Teo.
Unha onda do mar entrou na cuberta do barco, unhas lentes saíron voando cara á popa, miraron cara a elas e o barco, nun segundo, atravesou os madeiros dunha batea.
