Vendedores da praza de Lugo protestan contra da peonalización da única rúa pendente
Explican que se eliminan as prazas de aparcamento, quedarán sen clientes e pode que sen traballo
Os traballadores da praza de Lugo botáronse á rúa para protestar pola enorme dificultade que hai para estacionar e circular pola zona. Contra as oito menos cuarto, concentráronse para rexeitar o proxecto urbanístico que o Concello pretendía levar a cabo.
Aseguran que cada vez teñen menos clientes porque achegarse en coche ao mercado, o de maior volume de negocio da cidade, supón unha auténtica odisea. Din que moitos veñen de fóra da cidade e que non teñen onde aparcar. Temen que se quedan sen clientela, poidan quedar tamén sen traballo.
Porque din que o aparcadoiro que hai nos baixos do mercado non é a solución. Aseguran que é moi caro e que, sen avisar, pechan algúns venres e sábado.
Agora, tras a súa protesta din estar máis tranquilos. Contan que os concelleiros de Urbanismo e Mercados achegáronse á rúa e que ao comprobar que a meirande parte dos vendedores non están conformes coa reforma, comprometéronse a non levala adiante.