Concentración para dicir 'non' ao peche da mina de Penouta
Decenas de persoas xuntáronse este martes na praza maior de Viana do Bolo para defender a continuidade do proxecto mineiro
Insisten no impacto económico e social que tería o peche

Decenas de persoas concentráronse este martes na praza maior de Viana do Bolo para defender a continuidade do proxecto mineiro de Penouta.
Baixo o lema "Penouta non se Pecha", pediron que se reverta a decisión do TSXG e insistiron no impacto económico e social que tería o peche. Esta decisión de peche cautelar implica, segundo un comunicado remitido aos medios de comunicación en nome de "Viana do Bolo e a súa comarca", a paralización da actividade laboral de 129 familias e empresas auxiliares que na actualidade traballan na mina de Penouta.
"O 82 % dos traballadores da mina son da provincia de Ourense, e deles, o 75 % son da contorna máis inmediata da explotación mineira", sinala o texto.
Segundo o comunicado, "a compañía espera e confía en que o tribunal, unha vez avaliado os elementos esenciais ambientais e sociais e do impacto que tería a suspensión da actividade da empresa na contorna, reconsidere a súa decisión".
Os traballadores anunciaron que continuarán coas mobilizacións.