A liorta a coiteladas en Madrid apunta a unha pelexa entre bandas xuvenís
Catro persoas quedaron feridas, unha delas en estado grave

A Policía Nacional investiga a liorta ocorrida esta madrugada no barrio madrileño de Aluche, que comezou ás portas dunha discoteca e deixou catro persoas feridas por arma branca, unha delas grave.
A Brigada de Información investiga o suceso para determinar se, como apuntan as primeiras pescudas, foi unha liorta entre bandas xuvenís, aínda que a investigación acaba de comezar polo que non se descartan outras hipóteses.
A Policía recibiu sobre as catro da mañá deste sábado varios avisos por unha pelexa na porta da discoteca París da rúa Escalona, no distrito da Latina, e cando chegaron as testemuñas relataron que se enfrontaron dous grupos con armas brancas e logo dispersáronse.
As forzas de seguridade toparon un mozo español de 18 anos ferido e sangrando e practicáronlle un torniquete nun brazo ata que chegou o Samur, que o trasladou ao hospital Gregorio Marañón custodiado por axentes.
Logo localizaron nas proximidades outra persoa ferida rúa Seseña e dúas máis na rúa Illescas. Todas foron trasladadas a hospitais baixo custodia policial.
O ferido máis grave é un home de 27 anos con feridas nunha perna, nas costas e no brazo dereito, que, segundo Emerxencias de Madrid, estaba catastrófico (moi afectado, con posible perda de funcionalidade).