Dous mortos nun grande incendio forestal no sur de Grecia
Os bombeiros atoparon carbonizados os cadáveres de dous homes que acudiran sufocar as lapas a unha localidade próxima
O lume declarouse na rexión de Corintia, e na súa extinción traballan uns 350 operarios

A policía grega achou este luns os cadáveres carbonizados de dous homes fronte a un curral na rexión de Corintia, a uns 130 quilómetros ao oeste de Atenas, onde segue activo por segundo día consecutivo un grande incendio forestal.
Segundo a emisora pública ERT, as vítimas son dous homes do pobo de Ano Pitsá, de 35 e 40 anos, que na tarde do domingo decidiran acudir nas súas motocicletas a unha localidade contigua para axudar nas tarefas de extinción. Pouco despois, perdéronse os seus rastros.
O lume declarouse a véspera preto da vila de Rozena, na costa norte da península do Peloponeso (sur) e, expandiuse cara ao sur e o leste atizado por forte vento. A fronte supera os 30 quilómetros de lonxitude e obrigou a evacuar preventivamente seis vilas.
Na súa extinción traballan 350 bombeiros con 110 camións, 11 helicópteros e 7 avións cisterna.
Grecia sufriu este verán dúas ondas de calor extrema, con temperaturas que excederon nalgunhas rexións os 44 graos centígrados, o que, en combinación coas poucas precipitacións rexistradas, secou a vexetación, co cal aumentou o risco de incendios.