Falece un adolescente de 16 anos no incendio dunha vivenda en Barakaldo
Outros catro adultos e dous menores quedaron feridos
Policía e bombeiros desaloxaron catro edificios lindeiros

Un menor de 16 anos faleceu e outras seis persoas quedaron feridas nun incendio que se produciu de madrugada na localidade biscaíña de Barakaldo.
Segundo informa o departamento vasco de Seguridade, o lume comezou pouco antes das tres da mañá no número 2 da praza Auzolan, no centro da cidade.
A estrutura do edificio, de catro andares, é de madeira polo que o incendio cobrou unha grande intensidade en pouco tempo.
Nun primeiro momento, catro adultos e dous menores foron trasladados ao hospital de Cruces pero había unha persoa desaparecida. Cando os bombeiros sufocaron as lapas, toparon no interior o corpo sen vida do adolescente.
Unha testemuña declarou a Radio Euskadi que as chamas arrasaron a escaleira de madeira do inmoble e varios residentes, incluídos algúns menores de idade, tiveron que saltar polas xanelas.
A Policía Local de Barakaldo, en colaboración cos bombeiros da Deputación de Biscaia, desaloxou catro edificios e as familias afectadas foron trasladadas ao colexio Larrea para pasar a noite.

A familia do menor falecido foi atendida en todo momento polos servizos municipais, equipos de psicólogos e a alcaldesa, Amaia del Campo, que se desprazou ata o lugar.
Durante a mañá, os bombeiros e a Policía Local continuaron traballando para garantir a seguridade no edificio danado e nos lindeiros.
Arquitectos municipais van inspeccionar a vivenda incendiada, que presenta risco de derrubamento polo que quedará baleira, para comprobar a estrutura cando os bombeiros aseguren a zona.
O Concello de Barakaldo convocou unha Xunta de Portavoces para determinar as accións que debe tomar o Goberno local.
