Incentivos para aprender inglés na hostalaría
Un hostaleiro de Monterrei pagará 50 euros máis a súa responsable de sala cando consiga o nivel B2 de inglés
O xerente do Retiro do Conde, un hotel restaurante nun pazo de Vilaza, financia ademais os cursos de formación dos seus empregados
Un hostaleiro de Monterrei ofrece 50 euros máis na nómina a súa empregada cando acade un nivel intermedio de inglés. Non atopaba persoal con coñecementos de idiomas que quixeran traballar no rural. A empresa tamén lles paga cursos de formación cando o persoal non pode asumilos.
María José Diéguez aprende inglés moi motivada, no traballo, na casa e todas as semanas vai a unha academia, en canto acade o nivel intermedio cobrará ao mes 50 euros máis.
"Un soño feito realidade porque despois de 27 anos traballando na hostalaría chegar a esta altura con 42 anos que che propoñan poder formarte no teu oficio, no que che gusta facer, é unha marabilla".
O xerente do Retiro do Conde, un hotel restaurante nun pazo do século XVII de Vilaza, ten claro que para conseguir na hostalaría persoal implicado, e máis no rural, hai que ofrecer boas condicións.
"Ao chegar aquí o primeiro que me dixo foi o horario, estupendo, o salario, estupendo, por iso cambiei de traballo e ao dicirme o dos cursos que cada vez que fixera un curso me ía subir o soldo anima a calquera".
"O que necesito é que todo o equipo, axude, suba de nivel comigo, e se o empregado ve que a empresa se preocupa porque sexan mellor profesionais, síntese valorado e que quede moitos anos traballando con nós".
María José recentemente rematou un curso de maridaxe que a empresa lle pagou. Segundo o xerente, José Luís Prieto.
"Supoñíalle unha carga económica que non daba asumido e o que fixo a empresa foi financiarlle o curso e ela quedar co título".
Cada ano son máis os turistas estranxeiros que se aloxan nesta aldea de Monterrei para descubrir a zona, e para José Luis Prieto atendelos na súa lingua permite ofrecer un mellor servizo.