O Liceo aguanta ata a prórroga pero acaba perdendo nos cuartos de Copa
Gañou o Palau, líder da Liga Iberdrola, con dous goles na segunda parte do tempo suplementario
O Liceo feminino realizou un gran partido diante do poderoso Palau de Plegamans pero acabou caendo derrotado nos cuartos de final da Copa da Raíña (2-0). As coruñesas aguantaron ata a segunda parte da prórroga onde o Palau decidiu cunha bola parada.
Foi un partido de moitas precaucións e pouco ritmo. Ningún dos dous equipos quería arriscar e iso notouse no marcador. Só o Liceo gozou dunha falta directa pero Alba Garrote non conseguiu superar a porteira catalá.
Con empate a cero rematou o partido e comezou unha prórroga en que os dous equipos tiveron ocasións para marcar. A décima falta cometida polo Liceo acabou por ser definitiva porque a goleadora Aina Florenza (45 tantos na Liga) non perdoou. Xa estabamos na segunda parte do tempo suplementario. O Liceo arriscou e iso aproveitouno Laura Puigdueta para marcar o segundo cando as coruñesas estaban con cinco xogadoras de pista.