O Liceo chora a derrota na final de Copa diante do Barcelona
O equipo catalán foi superior e chegou a gañar por 4-0
Os dous goles de Álex Rodríguez non inquedaron o triunfo do Barça
O Deportivo Liceo perdeu na gran final da Copa do Rei de hóckey sobre patíns ante o Barça. A tristura e as bágoas dos liceístas ao final do partido mostran a decepción do momento, pero este subcampionato ten moito valor nunha temporada de renovación no equipo coruñés.
O todopoderoso Barça e o seu gardameta Sergi Fernández foron un obstáculo insalvable para os de Juan Copa, que non se renderon en ningún momento, nin sequera cando o conxunto catalán situaba no marcador un claro catro a cero a 14 minutos para o remate do encontro.
Dous goles de Álex Rodríguez déronlle algo de emoción a recta final, pero xa era unha misión imposible para o Liceo, dignísimo finalista desta edición da Copa disputada en Calafell. O Barça celebrou así o seu título número vinte e cinco nesta competición.