O Liceo vence o Voltregá e métese na final da Copa
O Deportivo Liceo disputará a gran final da Copa do Rei de hóckey sobre patíns.
O equipo de Juan Copa derrotou o Voltregá por dous goles a un, nun choque igualado e no que os galegos tiveron que sufrir ata o último segundo.
Marcou primeiro o Liceo, aproveitando unha superioridade numérica por un cartón vermello a Aleix Molas. Burgaya, exliceísta, desviaba un envío de Arnau Canal á súa propia portería. Antes do tempo de lecer o Voltregá logrou empatar grazas a un penalti transformado por Gerard Teixidó. Gol que provocou o delirio dos moitos afeccionados do conxunto catalán. E nos primeiros minutos do segundo tempo, Álex Rodríguez facía o dous a un que sería definitivo.
O Liceo defendeu con acerto nos últimos intres e logrou a clasificación para a gran final de mañá as doce e media do mediodía. O rival será o Barça, que derrotou ao Reus na outra semifinal por 1-0.