Os coches eléctricos ArcFox desembarcan en Europa polo porto de Ferrol
Un dos primeiros modelos en chegar exhíbese hoxe na Coruña
Participa nunha exposición de vehículos ecolóxicos na explanada do Parrote
É un dos primeiros coches eléctricos chineses que chegou ao porto exterior de Ferrol para a súa venda no mercado europeo. Trátase do modelo Alpha S, fabricado por Arc-fox, a filial 'premium' do xigante asiatico BAIC.
"Ao fabricante asiático gustoulle Ferrol, a colaboración foi boa e pensan que é o lugar idóneo para comezar a expansión por Europa", explica Juan Carlos García Criado, distribuidor de Arcfox para España.
Din aquí que a suba de aranceis anunciada pola Comisión Europea para os coches eléctricos chineses vai repercutir, pero non frear, o desembarco destes vehículos.
"Anunciaron unha suba de aranceis do 38,1 %, pero é algo que non vai frear a chegada do coche de fóra, iso é imposible de facer", di Héctor Prego, o presidente da Asociación Española de Automóbil Ecolóxico.
"Estamos agardando á decisión final, anunciarase o 4 de xullo, pero en principio este fabricante non ten previsión de subir prezos ao consumidor", engade o distribuidor de Arcfox.
O Arcfox exhíbese hoxe no Parrote no marco dunha mostra de vehículos ecolóxicos, para unha mobilidade sostible e limpa.
"Hoxe co plan de axudas do goberno e se tes un coche para chatarra tes un desconto de 7.000 euros, queda o eléctrico a un prezo similar ao híbrido", destaca Luis Samaniego, o director comercial de Caetano Fórmula Galicia.
Modelos libres de emisións cuxo prezo e autonomía, de ata 600 quilómetros, comezan a asemellarse aos convencionais.