Un avión aterra de emerxencia no aeroporto de Santiago por presenza de fume na cabina
Viaxaba de Forteventura a Glasgow con 170 pasaxeiros e seis membros da tripulación, e non se rexistraron feridos

Un avión procedente de Forteventura con destino Glasgow tivo que aterrar de emerxencia no Aeroporto Santiago-Rosalía de Castro tras detectarse fume na cabina cando se atopaba fronte á costa galega. A bordo viaxaban 170 pasaxeiros e seis membros da tripulación, e non se rexistraron feridos.
Segundo trasladou o 112 Galicia, o persoal do aeroporto compostelán solicitaba á central de emerxencias sobre as 19:15 horas a colaboración de persoal sanitario e de bombeiros, xa que un avión con fume na cabina estaba a piques de aterrar de emerxencia no recinto da capital galega.
La tripulación del vuelo procedente de Fuerteventura con destino Glasgow, frente a la costa gallega, declara emergencia por posible humo a bordo y requieren desvío a #Santiago. Les facilitamos descenso continuado y ruta lo más directa posible para aproximación a la pista 35 de… pic.twitter.com/4LwWQ2U63m
— 😉Controladores Aéreos 🇪🇸 (@controladores) November 18, 2024
Con todo, de inmediato o mesmo persoal do aeroporto confirmou que a aeronave puidera tomar terra sen problemas e que ninguén estaba ferido.
Os operadores do 112 informaron aos Bombeiros, á Policía Autonómica, Nacional e Local e aos voluntarios de Protección Civil de Santiago. Tamén se deu aviso, por se fose necesaria a súa intervención, ao Servizo de Procura e Salvamento (SAR) do Exército do Aire e do Espazo.
Unha vez que o avión tomou terra sen ningún tipo de incidencia foi escoltado polos bombeiros ata a plataforma de estacionamento.