Un incendio calcina unha vivenda no barrio de Cadeán, en Vigo
Dous dos ocupantes tiveron que fuxir das lapas pola ventá
A madeira e o poliespán da casa fixeron de aceleradores das lapas
Un incendio calcinou esta madrugada un chalé familiar no barrio de Candeán en Vigo. Os seus inquilinos puideron escapar do lume, pero a vivenda, feita de madeira, ardeu por completo.
A Policía Científica e os bombeiros revisaban dende primeira hora da mañá o número 441 da avenida do aeroporto en Vigo. Unha vivenda que quedou totalmente desfeita polo incendio que comezou a media noite no cadro eléctrico da planta superior.
Como conta un veciño, Joaquín Estévez, sucedeu todo moi rápido: "Espertei porque escoitei uns gritos fóra, e tamén comecei a ver luces de sirenas que entraban pola persiana. Entón levanteime un segundo mirar por se pasaba algo, e xa vin que polas ventás de arriba saía un montón de fume branco. Entón volvín ao cuarto para vestirme e baixar para ver se todo estaba ben, e en cousa dun minuto era todo lapas, estaba toda a casa en chamas e ardendo por todos os lados".
Malia que a base é de formigón, toda a casa estaba revestida de madeira e illada con poliespán, o que fixo que as lapas se estenderan a toda velocidade. Dous dos ocupantes da casa tiveron que fuxir da planta superior cunha escaleira colocada dende o exterior. Un deles resultou ferido leve.
O veciño engade que "por unha ventá vese que hai unha escaleira, non sei se saíron por alí ou pola entrada. Pero a casa é todo madeira, e o que se vía dende fóra eran chamas saíndo polas ventás. Os bombeiros intentábano, pero non se vía que o lume se fora apagando realmente. Estaban arrefriando a zona e humedecendo, pero ata que ardeu todo o de dentro non puideron facer moito máis, porque era todo de madeira".
Segundo os bombeiros, desta casa só poderá manterse a estrutura de formigón, porque o resto quedou todo calcinado polas lapas.