O Concello de Madrid afirma que o restaurante incendiado si tiña licenza para cociñar
O censo municipal de locais descríbeo como bar sen cociña
No Concello falan dun posible erro no epígrafe
No Concello de Madrid manteñen que o restaurante que ardeu dispoñía de licenza para actividade de hostalería con cociña e elementos para cociñar.
Aínda que no censo municipal de locais se describe a actividade do establecemento como bar sen cociña, afirman que esa catalogación non indica que non se puidese elaborar a comida alí, e falan tamén da posibilidade dun erro no epígrafe. A vicealcaldesa de Madrid ratifícao.
"O local contaba con licenza. A licenza obtívose no ano 97, logo houbo un cambio de titularidade pero a licenza mantense e é unha licenza con cociña", puntualiza Begoña Villacís.
Á marxe deste aspecto, o concello segue comprobando se o local cumpría con toda a normativa, ao tempo que a Policía investiga que pasou exactamente.
As fotografías do restaurante anteriores ao incendio, co teito cheo de plantas de plástico, permiten establecer o contraste co estado en que quedou. As testemuñas aseguran que o lume comezou cando as lapas dun prato flamexado prenderon na decoración.
Vítimas mortais
A clienta que morreu no sinistro, de 42 anos, era unha enfermeira vasca que fora pasar a fin de semana a Madrid. Unha amiga coa que ceaba figura entre os ingresados en estado grave.
O camareiro que tamén faleceu, de 25 anos, era alacantino. Seu pai confirma que empezara a traballar no local había poucos días pero que era músico, compositor e cantante.
"Que non volva ocorrer outra vez un caso así, que teñamos en conta que unha decoración non debe ser o motivo para perder unha persoa que está na flor da vida", pide Julián Robles, o pai do camareiro.
Oito feridos permanecen ingresados nos hospitais. Son cinco mulleres e tres homes, de entre 52 e 21 anos. Catro están na UCI; outros tres en unidades de grandes queimados, con danos que afectan desde un oito a un 25 % dos seus corpos; e unha persoa pasou á unidade de coidados intermedios.
